Valdeorras crece económicamente creando un 4% de emprego nos dous últimos anos

martes, 21 de febrero de 2017

O edificio Multiusos do Concello de O Barco de Valdeorras acolleu a presentación do Observatorio Económico Ourensán referido ás comarcas de Valdeorras e Trives. Esta ferramenta de análise constantemente actualizada permite coñecer información socio-económica de concellos e comarcas da provincia de Ourense, coa opción de coñecer a súa evolución en termos tanto económicos como sociais, así como permite tamén a comparación de datos dunhas con outras.

A presentación estivo encabezada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o profesor da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, Andrés Mazaira e polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.

O estudo reflicte que o mercado de traballo de Valdeorras acumula unha creación neta de emprego do 3,9%, co que pasa a formar parte das catro áreas ourensás con maior velocidade de recuperación, a un ritmo do 2% por ano. As 8.079 afiliacións que contabilizaba a finais de 2016 constitúen, ademais, o primeiro peche anual desde 2011 no que supera a barreira dos 8.000 empregos.

Manuel Baltar explicou que Valdeorras “impulsa o 8,1% dos postos de traballo existentes na provincia”, practicamente a mesma proporción que presentaba hai cinco anos (8,3%), e subliñou que catro dos nove concellos valdeorreses “son actualmente xeradores de emprego”.

Os concellos de O Barco e A Rúa foron, en termos absolutos, os principais impulsores de emprego durante o pasado exercicio, acadando conxuntamente as 150 afiliacións netas. A cabeceira comarcal asinou un crecemento interanual do 1,9% e A Rúa do 4,2%. Cabe salientar tamén a subida de emprego en en Larouco (2,5%).

Pola súa banda, A Veiga repetiu peche anual de afiliacións (244). Algunhas localidades rexistraron descensos, pero todos eles moderados, que varian ente o -0.2%, en Vilamartín de Valdeorras, e o -1.7% en Rubiá. O Barco concentra o 56,2% do emprego comarcal, case dous puntos porcentuais máis que a comezos de 2011 (54,4%).

No que atinxe á comarca de Trives, a creación de emprego neto cerrou no 2,3% no cómputo de 2016, sendo esta a terceira mellor marca a nivel provincial. Entre 2012 e 2016, a principal característica deste mercado laboral foi a estabilidade. A comarca ten un peso relativo do 1,38% sobre o total do emprego ourensán, a segunda ponderación máis feble, só con vantaxe sobre Terra de Caldelas (0,9%). Malia o descenso poboacional, o peso relativo de Trives non empeorou en comparación con 2011 (1,39%).

No estudo por concellos aprécianse fortes contrastes na evolución das afiliacións. Mentres San Xoán de Río anotou en 2016 un alza do 10,4% e Pobra de Trives liderou as subidas entre todas as cabeceiras comarcais cun repunte do 4%, Manzaneda perdeu o 3,6% e Chandrexa de Queixa o 0,6%. A ponderación de Pobra de Trives sobre o total comarcal está no 53,3%.

 O profesor Andrés Mazaira explicou que co novo enfoque que engade o Observatorio, centrado nas afiliacións e tendo en conta o lugar no que se atopa a conta de cotización das empresas e dos centros de traballo -con independencia do empadroamento do traballador-, A Rúa, A Veiga e Pobra de Trives son claramente os motores do novo emprego nestas dúas comarcas.

No que a Valdeorras se refire, A Rúa foi quen de pechar 2016 cunha creación neta de 51 empregos, medrando no mercado local un 4,2%. Pola súa banda, A Veiga xerou 32, cunha impoñente taxa de variación interanual do 14,5%, no que o Observatorio Económico interpreta como a mellor confirmación das posibilidades reais do turismo de natureza e do aproveitamento dos recursos naturais. O Bolo sumouse ás subidas, ao engadir un 9% de novo emprego no último ano.  En senso contrario, os centros do Barco de Valdeorras perderon 40 afiliacións netas (descenso do 1,1%). O saldo conxunto da comarca é dunha lixeira subida do 0,6%.

O estudo presenta tamén a Valdeorras como a única comarca ourensá, xunto con Terra de Caldelas, que comezou o 2017 cun descenso do paro.  En 2016 anotou un recorte do 10,3%, pero grazas á baixada de xaneiro, neste mes a taxa interanual avanzou ata o -13%. No pasado exercicio houbo descensos en todos os concellos agás en Petín. Trives, pola súa banda, logra un recorte interanual do paro superior ao 16%, con descensos a dobre díxito nos seus catro concellos


Fonte: Somos Comarca

Comparte esta Noticia


Información sobre Cookies

  • Este sitio web utiliza cookies propias e de terceiros para recompilar información que axude a optimizar o seu navegación web.
  • Non se utilizan cookies para recoller información de&car aacute;cter persoal.
  • Si continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter más información ou coñecer cómo cambiar a configuración, na nosa Política de Cookies